|
|
|
Escrito por Ramón Farré
|
|
Viernes, 22 de Febrero de 2008 10:10 |
En La Opinión.- ...Aló, onde os escritores
están na cadea. Aló, onde ler, o que se di ler, ese acto libérrimo co
que o home se afirma, é una actividade arriscada... E clandestina. Aló
vai Bugallo, sí. Cun callado séquito de escritores que ninguén lerá.
Nin Fidel nin Carlos Lage, que é da miña vila. Tampouco os mociños
contramanifestantes do Obelisco porque os catecúmenos teñen dabondo coa
palabra revelada dos apóstolos, ...//... Aló
vai Bugallo con milleiros de libros mortos antes de naceren. Aló vai
Bugallo coa súa subvencionada hipertrofia editorial, coa súa vitalidade
cultural finxida, co seu prelo baldeiro.
Un fato de cidadáns de
Galicia -un fatiño que medra a cotío- maniféstase nas tardiñas dos
venres polos arredores do Obelisco coruñés.
Estes galegos
abafantes e menores defenden dereitos seus, que sinten menoscabados.
Dereitos maiores recoñecidos pola Constitución mais emborcados hoxe
polos comenenciudos gobernos que a someten ao antollo interesado do
totalitarismo co que colaboran para mantérense.
Sen negaren a
ninguén, os indignos semovientes non renegan da Liberdade. E ao
defenderen a liberdade de idioma, defenden a Liberdade, enteira e toda.
A Liberdade toda, a Liberdade enteira, porque a Liberdade non se pode
tallar. É toda ou non é nada. Tentan impedilo tamén a cotío, ou
alomenos atrancalo, mozos que berran consignas. Máis que consignas
patrias, consignas patrimoniais. Mociños novos, sin tempo para leren
nin, moito menos, para repousaren as lecturas, berran consignas.
Mociños nosos -pode que os nosos fillos- aos que a Eso e o botellón
convirten, moi cedo e moi desgornecidos, en pasto de demagogos.
Mociños nosos, sí, heroes urxentes -coma
un tal Christopher que ven de pasar pola Audiencia Nacional- a quen o
nacionalismo, institucional pola gracia do PSOE, abastece de andrómenas
que alentan ou xustifican ou explican ou matizan, con teimudo oficio, a
idea perversa de que só eles teñen dereitos porque só eles son galegos.
E María San Gil, unha provocadora. Porque a vida da muller máis
ameazada e máis valente desta hora, é pura provocación para quen a
quixese calada se non morta. Eis logo o BNG institucional batendo aquí
contra a Liberdade -toda e unha- no entanto que a conselleira
Bugallo aló vai a Cuba cun nutrido séquito de principais. Aló vai a
nosa conselleira de Cultura á Feira cubana do Libro. Aló vai.
Aló,
onde os escritores están na cadea. Aló, onde ler, o que se di ler, ese
acto libérrimo co que o home se afirma, é una actividade arriscada... E
clandestina. Aló vai Bugallo, sí. Cun callado séquito de escritores que
ninguén lerá. Nin Fidel nin Carlos Lage, que é da miña vila. Tampouco
os mociños contramanifestantes do Obelisco porque os catecúmenos teñen
dabondo coa palabra revelada dos apóstolos, esa acabada xentiña á que a
revelación tanto lles pode vir do ceo como do inferno. Xa pode botalos
do cabalo coma a cegueira dun lóstrego xa subirlles aos padeás coma un
formigo polas sufraxes... ¡Ay os apóstolos deste tempo caroal! ¡Ay os
apóstolos!
Aló vai Bugallo con milleiros de libros mortos antes
de naceren. Aló vai Bugallo coa súa subvencionada hipertrofia
editorial, coa súa vitalidade cultural finxida, co seu prelo baldeiro.
Máis
que nada porque agás na poesía -como ten dito Gamoneda- a literatura
galega, que moitos temos por nosa, adoece do que se chama "bo gusto"
-como tamén ten dito Franco Grande-. Alomenos desde que Rei Ballesteros
escribira Dos anxos e dos mortos, moi pouquiña cousa.
Aló van
pois a conselleira e os principais. E semella pouco probable que aló
foran para reclamaren a Liberdade que aquí lles negan aos galegos que
teñen por impropios.
De calquera maneira, compre que cadaquén saiba que Galicia non é súa, que non temos cadansúa Galicia.
Cadaquén debe saber que Galicia como a Liberdade- é de todos. De todos nós.
|
|